Wednesday 01 de May de 2024

Convocado o proceso selectivo para a contratación de socorristas na Pobra


Trala aprobación das bases reguladoras do proceso selectivo para a formación dunha bolsa de emprego para a contratación de socorrista, socorrista-xefa/e do servizo e persoal auxiliar de información de primeiros auxilios en espazos acuáticos naturais, o Concello da Pobra do Caramiñal procede á convoca-las probas selectivas mediante un concurso-oposición para a cobertura en réxime laboral temporal dos postos indicados.

Segundo explicaran o concelleiro da Seguridade, José Andrés Lojo (Nós Pobra), e a súa homóloga do Persoal, Estefanía Ramos (Nós Pobra), o obxectivo é ter un mínimo de 12 persoas contratadas no servizo para cubri-las praias da Lombiña, da Illa e, nas fins de semana e festivos, as piscinas naturais do río das Pedras durante os meses de xullo, agosto e mediados de setembro.

As persoas aspirantes deberán reunir unha serie de requisitos mínimos segundo o cargo.

No caso de que se queira optar a contratos supeditados á subvención da Xunta dentro do Programa de salvamento e socorrismo, as persoas candidatas deberán estar rexistradas nas oficinas de emprego do Servizo de Emprego Público Estatal (Sepe) como demandantes de emprego para o posto de socorristas. A dita condición haberaa que cumprir no momento en que se formalice o contrato.

As solicitudes de participación faranse mediante unha instancia que se presentará na sede electrónica municipal ou no rexistro xeral de entrada do Concello da Pobra do Caramiñal no prazo de 5 días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ó da publicación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP), neste 13 de xuño. Xunto coa solicitude débense achega-las copias simples da documentación requirida nas bases. Toda a información detallada está á disposición no taboleiro de anuncios do Concello e na referida sede electrónica.